Lamentamos que a FEMP e o Goberno central castiguen os concellos do interior galego

Os concellos foron a administración máis damnificada polo rigor orzamentar e a austeridade desde a aprobación da Lei 2/2012 de Estabilidade Orzamentaria (“Lei Montoro”), na secuencia das medidas restritivas implementadas após a crise de 2008.

As políticas contracíclicas de austeridade antepuñeron a banca e os seus intereses aos da viciñanza e os servizos públicos e trouxeron consigo unha década perdida para investimentos reais e servizos públicos, obrigando a políticas de recortes que resultaron un fracaso cun aumento da desigualdade social, nomeadamente nos concellos medianos e pequenos como a esmagadora maioría dos do interior galego.

Aquelas políticas inspiráronse no Pacto Fiscal Europeo, que motivou a reforma express da Constitución, co artigo 135 modificado sen debate e con acordo político de costas á cidadanía entre o PP e o PSOE. Foron eses mesmos partidos os que decidiron facer o axuste máis draconiano sobre os concellos, a pesar de que a débeda pública destes era infinitamente menor á do Estado e á das CCAA (por volta do 20% computando as Deputacións e a maioría concentrada en Madrid e Valencia).

No entanto, e a pesar de que os constrinximentos redundaron en piores servizos e en detrimento da operatividade e competencias dos entes locais, a maioría dos concellos reduciu a débeda e comezaron a aparecer superavits, que non se podían gastar na súa integridade pola regra de gasto e a estabilidade orzamentar. Ridículo e inxusto.

Desde Interior Galego Vivo (IGV) valoramos que esta política de estabilidade orzamentar e controlo do gasto público é un fracaso e absurda ao impedir aos concellos gastar á vontade o seu proprio aforro (superavit) e máxime nunha crise sistémica sen precedentes onde cómpre investimento público ben orientado e activar os estabilizadores automáticos da economía. Trátase de escoller entre as persoas e o futuro dos nosos territorios ou os intereses da banca e das elites.

IGV entende que é un novo despropósito a medida impulsada pola FEGAMP e o Goberno central, xa que se “requisan” os remanentes e os excentes orzamentares dos municipios e se adía o seu cobro íntegro até 2040, que xa veremos se se cumpre en función da conxuntura. Tampouco reconforta que se venda que os concellos entran no reparto do condicionado fundo de restruturación da UE, xa que como administracións pública xa tiñan pleno direito ao igual có Estado e cás CC.AA.

O Goberno e FEMP negocian en chave partidaria e non con sentido de defensa do ben común. Só así se entende que PP e PSOE sigan xogando coas facendas locais e sen o sentido de estado do que tanto se gaban. Desta arte, o resultado é un esperpento para paliar outro: os concellos entregarán “voluntariamente” (iso ou non podelo gastar) o remanente ao Estado, que se “compromete” a devolvelo entre 2023 e 2040, iso si condicionado a determinados usos e ampliando o Goberno central unilateralmente o prazo desde 2033 a 2040. Por outras palabras, se o Concello ingresa 100 e a regra de gasto só lle permite gastar 70 o Estado confiscalle 30 até 2023-2040 e así cada ano.

Até entón, 2023, o Estado compromete 5000 millóns de euros dos 14.000 que se prevén “requisar” (apenas 1/3) e sen determinar se eses fondos son a maiores dos europeos ou se son 0 ao tirar a parte do financiamento comunitario que lle correspondería aos concellos, que xa se van ver afectados pola mingua nos fundos do primeiro piar da PAC desde 2021. 

Novamente, os concellos non apenas seguen cunha crónica eiva de financiamento, mais tamén se lles confisca boa parte do orzamento anual para paliar os problemas de liquidez de Estado e CCAA, ao tempo que se sobrecarregan con cofinanciamentos para competencias improprias (centro de día, SAF, escolas infantís, colexios de primaria etc.).

Así as cousas, para os concellos do interior galego a FEMP e a FEGAMP son instrumentos inservíveis para todo o que non son as cidades e pexados pola miopía das grandes maquinarias partidistas. Así, novamente, os grandes esquecidos somos os concellos do interior galego: seguen financiándonos por habitantes e sen atender a superficie (quilómetros de pistas por exemplo), dispersión (número de núcleos de poboación), etc.

IGV entende que o que procede é reformar a lei para que a totalidade dos fundos municipais, cuxo financiamento é xa extremadamente deficiente e inxusto, estexan ao servizo dos entes locais e da viciñanza para poder acometer gasto social e investimentos reais, imprescindíbeis perante a crise da COVID e as súas consecuencias sociais e económicas, que aínda se verán con extrema crudeza a partir de 2021. 

A nosa plataforma seguirá formulando alternativas para construír futuro e sendo a voz que defenda o direito a termos un interior galego vivo.

No interior galego, 9 de agosto de 2020.

Deixe um comentário

Crie um site como este com o WordPress.com
Comece agora